Concello de Lugo, Federación de Comercio de Lugo e Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, presentaron esta mañá a campaña Cos de sempre, para apoiar aos negocios locais e concienciar aos veciños de Lugo da importancia de apostar polos establecementos comerciais de proximidade e os negocios de hostalería locais tras a grave crise derivada do peche provocado pola pandemia Covid-19. Dentro desta campaña ponse en marcha a plataforma online Abrindo Lugo, a través da cal os lucenses poderán adquirir bonos dos locais que se apunten para gastar cando reabran tras a crise.
Segundo explicou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na rolda de prensa telemática celebrada esta mañá, o título Cos de sempre alude á necesidade que existe agora mesmo de apoiar “aos nosos, aos veciños que sustentan o tecido económico da cidade: o comercio, a hostalería, os autónomos”.
Con esta iniciativa búscase inxectar liquidez ás pequenas empresas lucenses de comercio e hostalería; e compleméntanse outras actuacións que se están levando a cabo desde o Concello, como o Plan Reanima. “O que queremos é concienciar aos lucenses, buscando a súa solidariedade, e que apoien aos nosos negocios de sempre, onde compramos todos os días, nos que temos depositada a nosa confianza”, sinalou a alcaldesa de Lugo.
Para iso créase a plataforma online Abrindo Lugo, que estará operativa nos próximos días e na que xa mostraron o seu interese máis de 100 establecementos. Esta plataforma está liderada polo Concello e será xestionada pola Federación de Comercio, en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería. A ela poderanse adherir de forma gratuíta comercios e locais de hostalería lucenses que están actualmente pechados como consecuencia da Covid-19.
A través desta plataforma e a súa pasarela de pagos, os consumidores poderán adquirir bonos que se trocarán cando os negocios reabran as súas portas. Deste xeito dáse certa liquidez aos negocios locais, permitíndolles recibir ingresos para afrontar os seus gastos fixos e poder manter os postos de traballo.
Na presentación celebrada esta mañá, os promotores da iniciativa aludiron á solidariedade dos lucenses e animaron a adiantar as compras e consumos que se van a facer nos próximos meses facendo uso destes bonos. Do mesmo xeito, pedirase que os locais ofrezan descontos aos clientes que adianten as súas compras como incentivo.
O presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, mostrou o seu optimismo coa achega desta campaña para axudar ao sector para afrontar a situación de crise provocada pola pandemia Covid-19 e pediu a concienciación da cidadanía para apoiar ao comercio local tras o estado de alarma. “O comercio é de todos os veciños de Lugo,é o que fai cidade, o que xera riqueza e emprego estable. Necesitamos máis que nunca o apoio dos nosos cidadáns e con estas iniciativas buscamos sinerxias que resulten favorables para todos”, indicou Seijas.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Hostalería, Cheché Real, encomiou a iniciativa e mostrou a súa confianza na repercusión que terá nos negocios e nos empregos; destacando tamén a importancia do traballo conxunto entre dirixentes políticos e colectivos empresariais para poñer en marcha campañas deste tipo. Finalmente, a alcaldesa de Lugo referiuse a outras iniciativas nas que se traballa, como o ticket solidario, para o que se establecerá un mecanismo para poder facer achegas solidarias que irán a unha bolsa común que se repartirá posteriormente. Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña “Lugo e capital” co obxectivo de que todo o mundo poida volver abrir o seu negocio en canto sexa posible.