Seijas: «Estudamos atrasar as rebaixas a finais de agosto ou principios de setembro»

Imaxe de José María Seijas, Presidente da Federación Galega de Comercio. ALBERTO LÓPEZ.

“É necesario dotar ao comercio dun material de protección homologado e un protocolo para a reapertura”

José María Seijas, Presidente da Federación Galega de Comercio

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, asegura que se baralla un aprazamento das rebaixas de verán ao mes de agosto ou mesmo setembro. Aos comercios inquiétalles a reapertura, porque, segundo Seijas, hoxe non existe un protocolo de prevención e seguridade para ese escenario.

“É necesario dotar ao comercio dun material de protección homologado, saber que numero de clientes poden acceder a un comercio, estudar a desinfección dos produtos con xeradores de ozono, así como establecer un método seguro de pago que garanta tamén os importes pequenos”, enumera entre as demandas do sector, que conta na provincia de Lugo con 4.493 pequenos comercios, con 5.410 empregados, segundo os últimos datos oficiais, de 2018.

Seijas pide suspender, polo menos mentres os comercios están pechados, gastos como a auga, a luz, a seguridade social, e impostos como o IBI. Tamén considera necesario “arranxar cos titulares dos locais para que a renda sexa condonada ou aprazada e prorrateada en 2021”.


Fuente: La Voz de Galicia

Deixa un comentario