Medidas publicadas en DOG 28 de abril, relativas á crise do COVID-19


Informamos das medidas publicadas no DOG, de 28 de abril de 2020, en relación á crise do COVID-19.


ORDE do 27 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 23 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19, en cumprimento do acordo do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia ( Cecop), do 18 de marzo, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores a efectos da realización de actividades agrarias (DOG 28 abril de 2020).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200428/AnuncioG0426-270420-0001_gl.pdf

Convén destacar desta Orde que os agricultores e viticultores profesionais e os seus traballadores, poderán desprazarse para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento de cultivos e viñedos.

Serán agricultores ou viticultores profesionais os que estean dados de alta no REAGA: Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Tamén poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de inscrición dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos Rexistros.

En canto a persoas que teñan cultivos ou viñedos, considerados de autoconsumo, e dicir, con fins non comerciais e, por tanto, non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para mantemento e atención dos devanditos cultivos e viñas, sempre que o desprazamento sexa dentro do mesmo termo municipal, ou de ser noutro, que non supoña unha distancia superior a 5km da súa vivenda habitual. En ningún caso poderá haber máis de 2 traballadores na leira, que deberán respectar as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención sanitaria. Nas actividades agrarias de autoconsumo a necesidade de desprazamento acreditarase co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios, e tamén deberán levar unha declaración responsable que comprenda as leiras nas que levan a cabo os cultivos, incluíndo a identificación da parcela, o tipo de cultivos que realiza, e en caso de tratarse de cultivos ecolóxicos, a declaración incluirá tamén que non se empregan tratamentos fitosanitarios e que, por tanto, carecen do carné de aplicador/manipulador destes produtos. Neste documento debe declarar a persoa que leva desprazándose habitualmente á leira polo menos durante o último ano.


ORDE do 16 de abril de 2020 pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301 K, polo que se establecen as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021, e a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301 K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19 (DOG 28 abril de 2020).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200428/AnuncioG0424-170420-0001_gl.pdf


Esperamos que esta información resulte do seu interese.

Atentamente.

Deixa un comentario