O comercio galego: «A ampliación do horario non chega se hai peches perimetrais»

O presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, reclamou axudas "que sexan fáciles de conseguir" xa que a situación está a provocar "un goteo" de peches de comercios

A leve relaxación das restricións anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que supón a volta ao horario normal dos establecementos comerciais, «non é unha solución» se se manteñen os peches perimetrais, segundo trasladou o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas.

Aínda que celebrou que é «benvida a medida», engadiu que «non é solución ao haber restricións e peches perimetrais dos concellos que «impiden esa mobilidade para facer compras». Con todo, mostrouse partidario de «gardar estas precaucións para que dunha vez por todas» póidase «superar a pandemia».

Reclaman axudas ao sector

Como posible solución, Seijas demandou «liquidez» para os comerciantes a través de «axudas directas que sexan fáciles de acceder, que non haxa que estar 15 días facendo trámites porque senón van chegar tarde e xa non serán necesarias». Así llo transmitiron á Xunta e ao Goberno central, a quen reclama «medidas específicas para o comercio, que de momento non hai nada claro, nin concreto».

Seijas advertiu de que esta situación supón un «goteo» de peches de comercios galegos con porcentaxes mensuais que poden ascender ata o 20%. «Cada vez estamos peor. Ao non haber vida normal, non poder saír de casa, isto retrae as vendas. Levamos un ano cun tempo pechados, as vendas caeron e a xente non ten confianza», concluíu.


Fonte: Economía Digital Galicia

Deixa un comentario