A Xunta crea os Bonos Activa Comercio para reactivar o comercio de proximidade

A Xunta de Galicia activará nas próximas semanas os Bonos Activa Comercio, unha iniciativa á que dedicará 10 millóns de euros en Galicia co obxectivo de dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade e reactivar o sector, un dos máis afectados polas restricións por mor da pandemia.

Prevense descontos de 30 euros que poderán chegar a máis de 330.000 clientes.

O orzamento de 10 millóns de euros do programa Bonos Activa Comercio repartirase en bonos desconto de 30 euros dos que se poderán beneficiar máis de 330.000 clientes.

A iniciativa procede da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e foi deseñada da man da Federación Galega de Comercio. Desenvolverase a través dunha aplicación móbil e o importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5 euros, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros correspóndelles un desconto de 10 euros. O período de validez dos bonos será de tres meses desde o seu lanzamento e en cada comercio poderanse cambiar ata un máximo de 5.000 euros en descontos.

A este programa poderán sumarse os retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que sexan autónomos ou pemes. Entre outros requisitos, deberán cumprir coas medidas de prevención fronte á covid-19, para o que poderán adherirse á plataforma Comercio Seguro impulsada pola Xunta de Galicia.

Con carácter previo ao lanzamento dos bonos, procederase á convocatoria para a selección dunha entidade financeira colaboradora, que xestionará a plataforma tecnolóxica da iniciativa e distribuirá os fondos aos comerciantes adheridos ao programa sen ningún custo para eles.

Paquete de axudas para o sector comercio

Os Bonos Activa Comercio forman parte do paquete de medidas específicas para o sector que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha para acompañar o comercio de proximidade na súa reactivación, e que contará con polo menos 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do sector a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.

A Vicepresidencia económica da Xunta está a perfilar outras axudas en consenso co sector, un dos máis afectados pola crise do covid-19. O índice xeral do comercio polo miúdo reduciuse en Galicia un 7,2 % en xaneiro de 2021 con respecto ao mesmo mes de 2020, aínda que a caída é maior no conxunto do Estado (un 10,9 %).


Fonte: economiaengalicia.com

Deixa un comentario