ORDE do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión no ano 2025 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).
Toda a información se atopa dispoñible na seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250519/AnuncioG0767-020525-0001_gl.html
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 das bases reguladoras. Para ser beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.
Obxecto
O obxecto é a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios minoristas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Bases reguladoras
As bases reguladoras publícanse conxuntamente na convocatoria do programa de bonos Activa Comercio.
Importe
Para a concesión destas axudas destinarase o orzamento que se estableza nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa, con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa
1. Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal, indicando a información requerida.
2. A adhesión ao programa bonos Activa comercio será única para todas as edicións do programa que se convoquen no ano 2025.
O prazo de adhesión comprenderá desde o día 20 de maio de 2025 ata o 15 de decembro de 2025 ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito da última edición convocada.
3. Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
- a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
- b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
- c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.
Poden consultarse todos os requisitos nas bases do programa.
Obrigas dos comercios retallistas adheridos ao programa
Os establecementos comerciais adheridos ao programa bonos Activa comercio adquirirán, a través da solicitude de adherencia ao programa, as seguintes obrigas:
- a) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa bonos Activa comercio.
- b) Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos, de xeito que as persoas usuarias non cheguen a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado. Para estes efectos, o tícket ou factura de compra deberá reflectir, en todo caso, o importe da compra, o importe do desconto do bono e o importe final que se pagará.
- c) Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, a política de devolución establecida no apartado 5 do artigo 16 destas bases reguladoras.
- d) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.
- e) Conservar durante un ano todos os tíckets ou facturas de compra xustificativas da aplicación dos bonos, en tanto podan ser obxecto de comprobación e control por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
- f) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitarllas a outras persoas ou establecementos.
Grupos e epígrafes do IAE admitidos
651.1. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confeccións para o fogar, alfombras e similares e artigos de tapizaría.
651.2. Comercio polo miúdo de toda clase de prendas para o vestido e toucado.
651.3. Comercio polo miúdo de lenzaría e corsetería.
651.4. Comercio polo miúdo de artigos de mercería e paquetaría.
651.5. Comercio polo miúdo de pezas especiais.
651.6. Comercio polo miúdo de calzado, artigos de pel e imitación ou produtos substitutivos, cintos, carteiras, bolsos, maletas e artigos de viaxe en xeral.
651.7. Comercio polo miúdo de confeccións de peletaría.
652.2. Comercio polo miúdo de produtos de droguaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.
652.3. Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e artigos para a hixiene e o aseo persoal.
652.4. Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.
653.1. Comercio polo miúdo de mobles (agás os de oficina).
653.2. Comercio polo miúdo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica, así como de mobles de cociña.
653.3. Comercio polo miúdo de artigos de enxoval, ferraxaría, adorno, agasallo ou reclamo (incluíndo bixutería e pequenos electrodomésticos).
653.6. Comercio polo miúdo de artigos de bricolaxe.
653.9. Comercio polo miúdo doutros artigos para o equipamento do fogar NCOP.
656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, pezas e aveños ordinarios de uso doméstico.
Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
659.1. Comercio polo miúdo de selos, moedas, medallas conmemorativas, billetes para coleccionistas, obras de arte e antigüidades, minerais soltos ou en coleccións, fósiles, insectos, cunchas, plantas e animais disecados.
659.2. Comercio polo miúdo de mobles de oficina e de máquinas e equipos de oficina.
659.3. Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.
659.4. Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio, e artigos de debuxo e belas artes.
659.5. Comercio polo miúdo de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutería.
659.6. Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas de vestido, calzado e tocado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.
659.7. Comercio polo miúdo de sementes, fertilización, flores e plantas e pequenos animais.
659.8. Comercio polo miúdo denominado sex-shop.
659.9. Comercio polo miúdo doutros produtos non especificados nesta agrupación, excepto os que deban clasificarse na epígrafe 653.9.
972.1. Servizos de peiteado de señora e cabaleiro.
972.2. Salóns e institutos de beleza e gabinetes de estética.