Feijóo declara o estado de emerxencia sanitaria en Galicia polo coronavirus

A partir das 00.00 horas, pecharanse establecementos de restauración, deportivos e de lecer | Permanecerán abertas as tendas de alimentación, farmacias, quioscos e gasoliñeiras.

Alberto Núñez Feijóo declarou na tarde deste venres o estado de emerxencia sanitaria en Galicia para a prevención e contención do coronavirus. O presidente da Xunta de Galicia, despois do Consello Extraordinario celebrado horas antes e tras falar con Pedro Sánchez, anunciou unha nova batería de medidas “máis drásticas e agresivas” das promulgadas onte en relación á expansión do Covid-19 na comunidade. “Adaptarémonos á folla de roteiro do Goberno central, por iso activamos o plan territorial de emerxencia e a creación dun centro de coordinación operativo”, advertiu o líder dos galegos.

Desde as 00.00 horas deste sábado en Galicia permanecerán pechados os comercios, os establecementos de restauración, deportivos e de lecer. Unha decisión que se manterá polo menos durante os próximos 14 días.

Os bares, restaurantes e cafeterías si que poderán manter a súa actividade só para servir comida a domicilio e co requisito de extremar as precaucións e as condicións de hixiene. Esta clausura non afecta a minoristas do sector da alimentación, como froiterías, carnicerías, peixarías ou panaderías. Tamén permanecerán abertas as farmacias, os quioscos e as gasoliñeiras.

Tampouco abrirán os espazos de lecer. Nin teatros, nin cinemas, nin discotecas, nin furanchos. Os espazos deportivos tamén estarán inhabilitados, desde pavillóns e piscinas ata ximnasios.

Doutra banda, a activación do estado de emerxencia sanitaria permitiralle á Consellería de Sanidade asumir a coordinación de todos os centros sanitarios da comunidade, tanto públicos como privados, para que se poñan a servizo dos pacientes. Ademais, desde a Xunta recoméndase evitar todas as viaxes que non sexan “estritamente necesarios”. Alberto Núñez Feijóo asegurou que en Galicia non se contempla, polo momento, ningún tipo de confinamento por culpa da crise sanitaria do coronavirus. “Non haberá cortes de estradas nin ningunha medida de mobilidade“, sinala o presidente.

Ante o aumento dos casos, a Xunta xa onte anunciaba medidas para frear a propagación da pandemia que entraron en vigor esta mañá e estenderanse durante duas semanas. O último balance facilitado hoxe pola Xunta elevaba o número de infectados na comunidade a 112.

As palabras de Feijóo chegan horas despois de coñecer a decisión do Goberno central de decretar o estado de alarma. Unha excepcional medida que permite limitar o desprazamento de persoas no territorio nacional.

Fonte: Faro de Vigo


Máis información:

https://www.elprogreso.es/articulo/galicia/xunta-declara-situacion-emergencia-sanitaria-galicia/202003132020381428291.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2020/03/13/consulta-medidas-tomadas-galicia-coronavirus/00031584127271140606991.htm

Deixa un comentario