Á incerteza que teñen os comerciantes sobre como lles irá economicamente cando reabran os seus negocios tras a crise sanitaria, engádense as dúbidas que lles axexan sobre como será esa volta á actividade. O presidente das federacións lucense e galega de comercio, José María Seijas, urxía este martes ao Executivo central “un plan director” no que detalle “canto antes” cales son as medidas de protección e seguridade que debe adoptar o sector para que xa estea preparado cando renove as vendas.
José María Seijas considera que ese plan director deberá dar resposta a unha serie de interrogantes: ¿precisarase o uso de máscaras, luvas ou biombos de protección?, ¿cantos clientes poderán estar no interior dos locais?, ¿só poderase cobrar con tarxeta de crédito ou tamén en efectivo? ou ¿se o comercio é de téxtil, pódense aceptar devolucións e cando se poderán poñer estas pezas de novo á venda?, entre outros.
“Os efectos da pandemia veñen azoutar a un sector que non atravesaba por un bo momento“
José María Seijas, Presidente da Federación Galega de Comercio
O presidente das federacións lucense e galega considera que as pautas que recollerá esa folla de roteiro débense concretar ademais en función do tipo de actividade xa que, segundo pon de manifesto, “non é o mesmo un comercio de téxtil que uno de electrodomésticos”.
A ese mar de dúbidas que teñen os comerciantes súmanse tamén as negativas expectativas que se teñen para cando se renove a actividade. “No arranque vai haber un descenso moi importante nas vendas“, augura José María Seijas.
CHOVE SOBRE MOLLADO. Os efectos da pandemia veñen azoutar a un sector que non atravesaba por un bo momento, especialmente o comercio tradicional, que xa estaba en retroceso debido, sobre todo, á feroz competencia das vendas online. Estas víronse reforzadas durante a crise sanitaria mentres que as tendas físicas xa levan un mes e medio pechadas sen poder dar saída ao seu stock e perdendo dúas datas sinaladas, os días do Pai e da Nai, o pasado 19 de marzo e o vindeiro domingo, respectivamente.
Fonte: El Progreso