Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:
- Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
- Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, ambos os dous incluídos.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 os gastos e actuacións realizadas no período comprendido entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023, ambos os dous incluídos.
Bases reguladoras
Poden consultarse na ligazón seguinte: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230704/AnuncioG0656-220623-0001_gl.pdf
Importe
A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:
- Na liña 1: 4.000 euros.
- Na liña 2: 6.000 euros.
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de trescentos trinta mil euros (330.00 €) con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, de acordo coa seguinte distribución:
- Liña 1: financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma, por un importe total de 180.000 euros, para a consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.
- Liña 2: financiada con fondos finalistas do Estado a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, por un importe total de 150.000 euros, para a promoción de accións singularizadas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir del 5 de julio de 2023. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.