Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pemes, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima, preexistentes ou que se constitúan especificamente para a explotación do centro dixital proposto, e que cumpran os seguintes requisitos:
- a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura (centro dixital) subvencionable na provincia da Coruña.
- b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20 % para proxectos da tipoloxía 2 e un 25 % para proxectos da tipoloxía 1, dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e o seu obxecto é apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de centros dixitais na provincia da Coruña que contribúan a nivel empresarial ou local a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais distribuídos, contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial.
Deben axustarse a algunha das seguintes tipoloxías:
Tipoloxía 1.
O centro dixital estará localizado na provincia da Coruña e promovido e explotado por unha peme para a monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, dos seus activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións.
Tipoloxía 2.
O centro dixital promovido e explotado por unha peme galega, no ámbito xeográfico da provincia da Coruña, para facilitar o desenvolvemento e uso de sistemas de monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, de activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións; destinado de xeito aberto a que sexan utilizadas por terceiros para as súas necesidades e aplicación. Neste caso, os centros dixitais creados deberán cumprir as seguintes condicións:
- a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será prezo de mercado.
- b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non se axustarán a esta tipoloxía os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución propia de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro á que supere o 60 % da facturación da infraestrutura.
- c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar o centro realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
- d) Deberán prestar servizos dixitais que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
O investimento subvencionable por cada proxecto deberá ser superior a 100.000 € e inferior a 3.000.000 €.
Bases reguladoras
As bases reguladoras completas poden consultarse na seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231009/AnuncioO92-270923-0001_es.pdf
Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.A1.741A.7700 e polos seguintes importes e distribución plurianual: 1.600.000 € con cargo ao ano 2023, 1.600.000 € con cargo ao ano 2024, 1.600.000 € con cargo ao ano 2025 e 1.600.000 € con cargo ao ano 2026.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día 10 de outubro de 2023 e será de dous meses contados desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo de dous meses.